“O poema non é a reprodución dun pensamento senon dunha impresión, para o primeiro precísase a palabra común, para a segunda precisamos selección, son, medida, ritmo”. Coma se dunha declaración de intencións se tratara, George bosquexa aquí a súa concepción da poesía e o vieiro que marcaría toda a sua traxectoria lírica: a procura incesante da innovación formal, a beleza, esa ‘arte pola arte’ que postulaba o seu círculo de discípulos en torno ao “Georgekreis” e do que foi deixando constancia na sua propia revista literaria, Follas para a arte. Singular e brillante, George é hoxe un dos grandes mestres da poesía, e un nome imprescindíbel na historia da literatura alemá. |