Que entendía Hölderlin por cantos e en que se diferenciaban esas novas composicións doutras anteriores ás que deu nomes distintos (himnos, cancións...)? Explicao o poeta nunha carta deses anos: cantos son «poemas maiores, illados e líricos».
Pero a novidade que entrañan os cantos é máis de fondo que de forma. O «novo estilo» (neue Sangart), sinala Antonio Pau –autor desta edición–, caracterízase por tres trazos: os poemas están impregnados dun tinte memorialístico, adoptan un ton elevado, abondan as afirmacións gnómicas ou aforísticas. Ademais a gran novidade dos cantos non radica en que sexan grandes, illados ou líricos, senón na transgresión, que faría de Hölderlin, durante moitos anos, un poeta maldito, de lectura pouco recomendable: un irracionalismo visionario con ecos dunha relixiosidade apocalíptica, que fai saltar todos os moldes formais coñecidos.
|