Un home, enfeitizado polo recordo dunha muller, chega á cidade dela para recuperar o instante máis decisivo da súa vida, cando os seus brazos recibiron o corpo moribundo da amada e el aceptou o legado da súa memoria e a poética misión de non deixala morrer enteiramente. Na cidade, rodeado do ambiente bohemio do Café que el mesmo rexenta, intenta recrear, mediante o escrito no caderno, o universo da súa “dama” ata recuperala e mesmo resucitala na persoa doutra que frecuenta o seu Café: dúas mulleres, Alba e Marta, distantes no tempo, unidas pola mesma entrega á Literatura, ao Amor e á Beleza, e pola convicción de que a existencia só é aturable no espacio da creación.
|