A figura e a obra de Enrique Pajón (1930), profesor da Universidade
Complutense de Madrid, merecen, desde hai xa moito tempo, este libro; un
libro que intenta recoñecer o labor dun mestre, dun intelectual, de alguén, polo
tanto, cuxa palabra e cuxa acción ensinan a facer máis propia, máis ampla,
máis libre e máis creadora a mirada.
Complétase o volume-homenaxe con catro valiosos «documentos»: unha carta
de Buero Vallejo, outra de Ludwig Schakowicz, un extracto da presentación
que Laín Entralgo fixo na Biblioteca Nacional con motivo da publicación de El
ser y el hombre, e, como non podía ser menos, as palabras de Enrique Pajón
para pechar o círculo: un traballo suxerente, definitivo e novidoso en moitos dos
seus deliñamentos que titula «Ceguera y Literatura». Se se di que unha imaxe
vale máis que mil palabras, habemos dicir que cada palabra de Enrique Pajón
Mecloy é quen de xerar, polo menos, mil imaxes.
Enrique Pajón Mecloy, galego de Espasante nacido en Cuba en 1930, é Doutor
en Filosofía, licenciado en Pedagoxía e diplomado en Maxisterio, lingua
francesa, etruscoloxía e antigüidades itálicas. Foi profesor de Historia
Comparada das Relixións, na Universidad Complutense de Madrid, director da
Imprenta Nacional Braille, desde 1957 a 1960, e director da Sección de Cultura
da ONCE ata 1981, tarefas que compartiu coa representación no Consello
Mundial do Braille e coa vicepresidencia do G.I.A. Fundou a revista Sirio,
editada pola ONCE, que dirixiu ata 1964. En 1973 recibiu o Premio Doctor E. V.
L. Brown, polo seu labor a prol do desenvolvemento da cultura.
Pero, maiormente, Enrique Pajón é un intelectual na máis excelsa extensión da
palabra, alguén que abre vieiros á reflexión e á acción que tal ha levar
aparellada.
A súa obra recóllese en títulos como Psicología de la ceguera, El ser y el
hombre, Buero Vallejo y el antihéroe, El ser y la libertad, Ser y pensar, Ludwig
Schajowicz o la razón sin fronteras, Voluntad de hombre, no ámbito da filosofía,
ou Paisaje de guerra con una paloma al fondo e Dos relatos diferentes, no da
creación literaria.
|