Millán
Picouto
O labor literario principal e máis constante
de Millán Picouto (Ourense,
1949) leva sido a escritura da serie de
obras dramáticas das que a publicación
de Ciclo de Venus (Linteo, 2001)
inaugurou a edición enteira, organizada
en ciclos planetarios. Seguiron a continuación Ciclo de Mercurio (2002), Ciclo da Terra (2006), Ciclo de Marte (2007), Premio Asociación de Escritores en Língua Galega 2008, Ciclo de Xúpiter (2008), Macrocosmos (2009), tradución ao castelán das obras anteriores. Nestas obras teñen cabida
temas como o amor e a morte, a eterna
danza da vida e do soño, o ocaso da Roma
republicana, a historia de Galicia, o
reino da Bretaña do rei Arturo, a ruína
da Illa de Páscoa, o Ourense da Baixa
Idade Media, o Xapón dos samurais, a China
baixo o poder mongol, a Islandia viquinga...
Millán Picouto ten publicados,
de xeito independente, algúns textos dramáticos
como Silvania (1978), María
Soliña (1994) e Prisciliano en
Tréveris (1995), estes dous últimos
con partitura vocal e instrumental. No
mesmo camiño, con intencións didácticas,
publicou Escola Coral de Poesía e
de Música (1997). A súa obra poética
está recollida en Obra lírica completa
(2000).