John Thomas Looney
John Thomas Looney (Inglaterra, South Shields, 1870-Swadlincote, 1944). Naceu nun ambiente relixioso metodista, despois perdeu a súa fe e abrazou as teorías do positivismo filosófico de Auguste Comte. Foi un defensor destacado da Relixión da Humanidade. Traballou como mestre en Gateshead e desde 1911 tamén foi membro da Sociedade Literaria e Filosófica de Newcastle-upon-Tyne. Durante a Primeira Guerra Mundial investigou a autoría das obras de William Shakespeare. En 1920 orixinou a teoría oxfordiana ao publicar o presente libro, cuxo título orixinal completo é «Shakespeare» Identified in Edward de Vere the Seventeenth Earl of Oxford. En 1921 publicou The poems of Edward de Vere. En 1922 fundou con George Greenwood «The Shakespeare Fellowship», asociación que promoveu a discusión pública da súa teoría. Un dos seus seguidores desde a lectura do libro, en 1923, foi Sigmund Freud, que enviou ao autor unha carta de felicitación e defendeu o seu punto de vista ata o final da súa vida.